Alfonso Zarauza dirixirá un documental sobre a transformación urbana
 de Pontevedra

66
A creación do filme será posíbel grazas a un convenio asinado entre o Concello e a Deputación de Pontevedra
A medio metraxe mesturará realidade con ficción, e contará coas actrices Melania Cruz, Ledicia Sola e Marta Lado

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da presidenta de Deputación, Carmela Silva; e o director de cine, Alfonso Zarauza; anunciou esta mañá a sinatura dun convenio coa Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades culturais, de lecer e, especialmente, de promoción da cidade de Pontevedra. Contará cun orzamento de 120.000 euros, sendo a principal acción deste convenio a realización dun documental sobre a transformación da Boa Vila acontecida ao longo das dúas últimas décadas.

O documental será dirixido por Alfonso Zarauza, director de cine santiagués, e agárdase deste que sexa un documento «con percorrido de futuro e de presente», en palabras do alcalde. «Un documento que perdure no tempo, un documental que fale da transformación de Pontevedra nos últimos anos e que quede para a historia. E, pos suposto, que teña presencia noutros foros que non son os típicos, como festivais internacionais onde o cine é o protagonista».

Miguel Anxo Fernández Lores definiu a Zarauza, encargado do proxecto, como un «dos mellores directores do país». O santiagués é coñecido por traballos como Ons ou Os fenómenos, que lle foron brindando un éxito e recoñecemento internacional, tanto de crítica como de público. «Agardamos que o documental sexa un éxito e que lle permita ter proxección á cidade».

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou e compartiu co rexedor local a importancia deste convenio e o valor que posúe. «Este é un convenio de enorme valor. Sinto unha enorme satisfacción sobre o construído e sobre as reflexións que permiten seguir construíndo, con ciclos como Urbtopías, coas persoas máis referenciadas e pensar como teñen que ser as cidades do presente e do futuro», explicou.

«Un filme permite a través da imaxe e o relato, da man dun dos grandes directores galegos, transcender elementos», continuou a presidenta. «Esta é unha grande decisión; deixar constancia deste legado, dunha cidade con centos de anos de historia. É bo que o legado da construción de espazos quede para esta xeración e para as que veñan. Todo do que non queda constancia, todo o que non é contado deixa de existir; aínda que hoxe a transformación é recoñecida e visible, dentro de cen anos ou douscentos a xente poderá ver con este documental cal foi ese relato, o da transformación. É unha grande idea».

Alfonso Zarauza recoñeceu o reto que supón retratar esta mudanza urbana, un encargo que recibe con certa «vertixe», mais que sempre forma parte dun proceso natural de busca e traballo. «É a primeira vez que eu non busco un proxecto, senón que este me busca a min. É algo valente por parte das institucións e que me sitúa nun lugar desconcertante, pero ao mesmo tempo de orgullo e de responsabilidade», explicou o santiagués.

«Sigo desde hai moito tempo o proceso de cambio de Pontevedra, sempre me chamou a atención polo poderoso que é; e, ao mesmo tempo, o inadvertido que pasa dentro do noso propio país, dentro de Galicia», continuou o cineasta. A medio metraxe mesturará dúas narracións, por un lado unha parte documental con outra de ficción, e contará con tres actrices de renome como Melania Cruz, Ledicia Sola e Marta Lado. Levará por título Pontevedra Hora Cero e o propio Zarauza sinalou que «non quero comentar moito porque quero que sorprenda». A súa rodaxe, que ocorrerá na vila pontevedresa, comezará no mes de decembro.